Instituto Tecnolóxido de Galicia

Avances e retos pendentes da economía galega

Na celebración do 25 de xullo, o Foro Económico de Galicia analiza neste artigo os avances e retos pendentes da economía galega

A economía galega está a rexistrar bos resultados e avances moi salientables. En particular, por primeira vez na súa historia, rematamos o exercicio 2018 cunha riqueza (PIB) por habitante por riba do 90% da media española.

Lembremos que no ano 2000 estabamos na cola de España, xunto a Andalucía e Estremadura e por baixo do 80%. Hoxe xa somos unha Comunidade de renda por habitante medio-baixa. Ninguén avanzou tanto no mapa español. E iso, a pesares do devalo demográfico e da moi escasa capacidade de atraer capital estranxeiro que afortale a nosa economía.

Temos recursos ociosos e capacidades latentes que estamos perdendo por falta de cooperación e exceso de individualismo

Foron as nosas empresas, na súa meirande parte de carácter familiar, e os traballadores galegos os protagonistas deste proceso de converxencia. Hoxe temos unha estrutura empresarial con nomes e marcas moi coñecidas en España, na Unión Europea e no Mundo.

Partir do anterior permite ser optimistas cara ao futuro. Pero tamén ambiciosos e esixentes. Porque como país podemos facelo mellor. Podemos acadar un maior nivel de desenvolvemento e benestar social. Porque hoxe temos potencialidades non suficientemente aproveitadas, recursos ociosos e capacidades latentes que estamos perdendo por falta de cooperación e exceso de individualismo.

Contamos con numerosas illas de excelencia que requiren conexión; e dificultade para percibir as vantaxes de poñer en marcha iniciativas con perspectiva de país e que sexan inmunes aos localismos paralizantes.

Terra, mar, demografía e innovación

Nos dez anos de vida do Foro Económico de Galicia, acadáronse notables consensos sobre diagnoses e propostas. Entre elas, queremos salientar hoxe catro ideas.

A primeira é a urxencia de aproveitar un dos nosos recursos máis valiosos: a terra. O abandono de centos de miles de hectáreas son unha pesada eiva para Galicia. Porque arruínan a nosa paisaxe e alimentan devastadoras vagas de lume. Mais tamén porque nos fan perder unha enorme capacidade para producir alimentos de alta calidade, valor e prezo; reducir os custes das nosas explotacións gandeiras; e fixar poboación no territorio. Xa que logo, urxe a mobilización das nosas terras hoxe a mato, con ferramentas xurídicas e fiscais de todo tipo, sabendo que é traballo, cando menos, para dez anos. Foron decenios de desleixo do territorio que non podemos reverter nunha lexislatura.

A segunda idea é a necesidade de reafirmar a nosa vocación oceánica. Cómpre unha aposta decidida por una estratexia marítima de longo alcance que, sendo compatible cos Obxectivos do Milenio, sexa quen de aproveitar todas as súas potencialidades e salientar as sinerxías posibles; dende a pesca e acuicultura á loxística e desenvolvemento portuarios, pasando pola nutrición e tecnoloxía, entre outros obxectivos.

As universidades deben ser quen de combinar ás súas funcións clásicas con esta chamada a ser unha peza clave para o futuro económico

O terceiro vector é a demográfico. Unha sociedade avellentada tende cara a dependencia, a fraxilidade e falla de espírito emprendedor, no social e no económico. Avellentamento activo e reactivación demográfica son chaves. Os galegos non somos unha anomalía. Queremos ter fillos. O problema é que a xente nova se atopa con dificultades notables para concretar eses desexos. A calidade do emprego, as políticas de conciliación, o apoio público son manifestamente mellorables. Non podemos perder xente nova e temos que ser quen de atraer e integrar, particularmente, aos emigrantes galegos e aos seus descendentes.

Finalmente, temos que falar do noso sistema de innovación en sentido amplo. Contamos con boas universidades e un tecido empresarial exitoso. Fáltanos interconectalo mellor. Precisamos un maior investimento en actividades de I+D+i que poña o acento na busca das sinerxías entre uns e outros.

A sociedade galega e as empresas deben ver na universidade un cerebro auxiliar que lles pode axudar a entender problemas e resolvelos. E as universidades deben ser quen de combinar ás súas funcións clásicas con esta outra que está chamada a ser unha peza clave para o futuro económico dos países, mais tamén para universidades en territorios xeograficamente periféricos.

Para todo o anterior, requírense amplos consensos políticos e sociais. As lexítimas e lóxicas diferenzas ideolóxicas e os intereses individuais non deberan impedir acadar solucións boas para todos.

O Foro Económico de Galicia seguirá estando aí para botar unha man.

Foro Económico de Galicia

Enviaremos un mensaje al correo indicado con el enlace que deberás clicar para completar el alta. No recibirás ningún boletín hasta entonces. Política de privacidad